

O Plan Galego de I+D+i 2006-2010 incite persegue nos seus programas horizontais a mellora do sistema galego de innovación e o fomento da cooperación entre todos os axentes. O centro neurálxico do Plan o constitúe o programa de articulación do sistema galego de I+D+I coa incidencia de xeito transversal en todas as accións e programas do mesmo. O programa busca unha auténtica articulación e vertebración do sistema galego de I+D+i coa creación de novos centros tecnolóxicos e o reforzamento dos existentes; a constitución de plataformas tecnolóxicas nos sectores estratéxicos para Galicia, así como a creación de verdadeiros parques científicos e tecnolóxicos.
Os Centros Tecnolóxicos Galegos, constituídos cun liderado claro dun sector empresarial determinado, son os axentes dinamizadores da transferencia de tecnoloxía por excelencia e principais xeradores de innovación. Estes centros deben ser os responsables do impacto da I+D+i no tecido empresarial e deben rexerse por criterios de autosuficiencia económica, xerada a través de actividades claramente de I+D+I. Entre os seus obxectivos finais é ser un dos motores e elementos tractores da actividade investigadora no eido empresarial. Para a consecución destes obxectivos creouse a Unidade de Coordinación de Servizos e Centros Tecnolóxicos (Servitex), que ten coma misión o favorecer a consolidación, ampliación e reforzo dos Centros existentes, así coma crear as condicións para a cooperación e busca de complementariedades entre os Centros.
A Rede de Centros Tecnolóxicos de Galicia (RETGALIA) pretende ser un mecanismo de traballo coordinado entre todos os Centros Tecnolóxicos que operan en Galicia, de maneira que se aproveiten todas as súas potencialidades, contribuindo a alcanzar a calidade total no sistema galego de innovación. Preténdese tamén favorecer o apoio ó desenvolvemento de accións precisas para a difusión do coñecemento, información e promoción da ciencia e a tecnoloxía, así coma a prestación de servizos ás empresas.
|
|
- Guía dos Centros pertencentes a Retgalia. (Baixa calidade, 6 MBbytes) - Guía dos Centros pertencentes a Retgalia. (24,6 MBbytes) |